Bitácora de Héctor Acebo, poeta, periodista cultural y doctor en Periodismo

Bitácora de Héctor Acebo, poeta, periodista cultural y doctor en Periodismo.
-Correo: acebobello@gmail.com
-Instagram: @hectoracebo
-Twitter: @HectorAcebo

domingo, 15 de febrero de 2015

Bos tempos, Foxnola!

A miña colaboración co xa extinto conxunto Os Folkgazais tróuxome moitas alegrías artísticas. Ninguén musicara un poema de meu, e ese grupo astur-galaico fixo un traballo bárbaro ao convertir nun potente blues o meu "Desafío": 


Ademais, gocei participando, xunto a eles, nalgunhas das presentacións de Alorias, o EP que contén o citado "Desafío" e que se publicou na primavera do ano pasado. 

Abel Pérez, David Moirón, Ruth Martín (tres dos compoñentes d'Os Folkgazais) e un servidor, no Hotel Canabal, en Burela. Este verán presentamos alí o EP "Alorias", terceiro e último traballo da banda.

A colaboración co conxunto Os Folkgazais foi pra min tan intensa, que significou a recuperación da miña vocación de letrista, a cal tiña aparcada dende a adolescencia (eu cheguei á poesía a través da canción: a miña primeira pulsión artística reflectiuse na composición de pezas de corte satírico e romántico, cando estudaba piano e solfeo, na nenez). 

As novas letras miñas forman xa parte de Foxnola, o talentoso grupo que encabeza o acordionista e compositor Abel Pérez (ex líder d'Os Folkgazais). Este recente proxecto, que ten como piares a música popular americana dos anos 40, 50 e 60 (fox-trot, swing, rock primixenio, twist, blues...) e o uso da variante oriental do galego, tenme moi ilusionado. Nel terei a honra de volver coincidir —tamén en calidade de colaborador— coa vocalista Ruth Martín, co guitarrista Michael Lee Wolfe e co saxofonista e arranxista José Luis Álvarez, ademais de con Abel: uns cracks! 

Foxnola en estado de gracia.





















Unha das novas composicións de Abel Pérez e dun servidor chámase "Mitoloxía mirandesa"; como o seu título suxire, este tema un swing está ambientado en Miranda, as marabillosas terras que, en verbas do mestre Álvaro Cunqueiro, "van do Miño ao Eo": Pastoriza, Mondoñedo, Riotorto, A Pontenova... Así comeza a letra da canción, que pronto dará a coñecer Foxnola dende a súa páxina de Facebook

Benvida á Terra de Miranda,  
benvida á terra dos albeites  
(que son igual que camas  
no medio do monte).  

Benvida á terra que recrea  
o mago Cunqueiro:  
a terra que integra  
inmensos planetas. 

Benvida á terra que sucan  
amables fantasmas:  
a terra que inspira  
alegres nostalxias.

Miranda, por certo, é o outro topónimo co que se coñece históricamente ao Eo, o río que pasa polo meu Santiso nativo, pola Pontenova ou por Riotorto (efectivamente, é un afluente do Eo o que da nome a este concello). 

Servidor en Mondoñedo, nas últimas San Lucas.


Velaquí o primeiro vídeo promocional de Foxnola: 


Sendo amante da música, disfruto implicándome a fondo na tarefa de letrista. Non me limito a entregarlle ao meu amigo Abel as letras, non. Se ben é certo que cada creador fai a maior parte do seu traballo por separado, pode dicirse que o melodista e eu rematamos xuntos as cancións. Explícome. Cando Abel atopa a melodía pra unha letra, e pensando xa nos correspondentes arranxos, el suxíreme cambios métricos que habería que facer pra que o texto quede perfectamente engarzado na música, co fin de que esta non sexa, en efecto, un mero acompañamento. Eu, gustosamente, fago eses cambios, que case sempre se reflicten na acentuación ou na supresión dalgunhas sílabas... Tamén me gusta mostrarlle a Abel letras que teño entre mans algún retrouso rabuñado, algunha imaxe traída de certo poema meu..., pra saber o seu parecer. 

Ademais, durante o proceso creativo, o acordionista veigueño e eu falamos de posibles referentes pra cada tema. (Servidor escribe as letras estimulado non só por vivencias, ensoñacións ou lecturas, senón tamén por ritmos de cancións amadas.) Un dos nomes que máis temos pronunciado Abel e eu, nas nosas reunións, é o do soulman Sam Cooke. Traballar en equipo en equipo artístico paréceme, en fin, moi reconfortante; e dende logo, dese xeito é máis doado fundir os nosos ámbitos referenciais: a música e a poesía (por máis que as miñas letras estean pensadas pra ser cantadas, intento que estas teñan aínda que non sempre o consiga— certo voo lírico). 


Seguro que pra min será productivo interactuar cos restantes músicos de Foxnola (ademais de Abel Pérez, Ruth Martín, José Luis Álvarez e Michael Lee Wolfe, pertencen ao grupo o batería Miguel Ánxo López, o contrabaixista David Casillas, o saxofonista Javier Vázquez e o trompetista Adrián Lage); sei que aprenderei deles, igual que aprendín dos Folkgazais. 

Grazas e ata sempre, Folkgazais! "Bos tempos" —que diría Sam Cooke pra Foxnola! 

Viva o arte interdisciplinar! 

No hay comentarios: