Bitácora de Héctor Acebo, poeta, periodista cultural y doctor en Periodismo

Bitácora de Héctor Acebo, poeta, periodista cultural y doctor en Periodismo.
-Correo: acebobello@gmail.com
-Instagram: @hectoracebo
-Twitter: @HectorAcebo

jueves, 14 de abril de 2016

Manolo Tena, un rockeiro sensorial

Como poeta, débolles moito ós cantautores que escoitei na infancia. Foron a miña primeira escola na arte de inxectarlles ritmo ás verbas. Con aqueles referentes, comecei a escribir cancionciñas ós 10 anos. Tiña unhas nocións de piano, pro case sempre utilizaba a voz pra compoñer as melodías. Xa na adolescencia, as letras de Sabina conducíronme á lírica de César Vallejo e Neruda; tras esas revelacións, foron xurdindo os meus primeiros balbucidos poemáticos. No último ámbito sentinme máis a gusto.

Manolo Tena, na praza de touros de Las Ventas (Madrid), o 7 de setembro de 1993. 


Recentemente morreu Manolo Tena, un dos cantautores rockeiros da miña nenez. Cando coñecín a nova, véuseme á memoria o intre no que un curmán me deixou —alá polo 99— a casete de Sangre española, o maior éxito do estremeño. Tena era un letrista de métrica axustadísima e un intérprete especial. A súa resgada voz revelaba igual cós seus oxímoros a un home en desaxuste coa realidade.



No documental Manolo Tena: Un extraño en el paraíso, o protagonista desvelou que a belísima peza Quiero beber y no olvidar (letra súa con melodía de Pancho Varona) contén un eco vallejiano. O poeta peruano dicía: “Quiero escribir, pero me sale espuma”, e Tena cantaba: “Quiero ser mar; sólo consigo espuma. / Quiero avanzar; sólo consigo espuma”. Este exemplo demostra a relación carnal que o rockeiro tiña coas palabras. Dende logo, era asombrosa a potencia da súa expresión sensorial.



Entre febreiro e marzo, gocei seguindo as interpretacións de Tena en “A mi manera”, programa de La Sexta. Cando acabou a tempada, decidín que esta mesma primavera lle propoñería ó músico unha entrevista periodística. Quizabes houbéramos dedicado parte da conversa ó binomio poema-canción... 


O fundador de Cucharada e Alarma!!! foise agora que precisamente eu como moitos outros estaba redescubrindo a súa música. É tan estraño todo…! Sen coñecelo en persoa, sínteste en sintonía cun mestre que xa está facendo as maletas. E o que queda en ti é un baleiro que nunca foi enchido, como cando te rexeitou por WhatsApp aquela rapaza á que esperabas bicar nunha cita próxima. 

[Artigo meu publicado hoxe no xornal lucense El Progreso (edición da Mariña)]

No hay comentarios: