Bitácora de Héctor Acebo, poeta, periodista cultural y doctor en Periodismo

Bitácora de Héctor Acebo, poeta, periodista cultural y doctor en Periodismo.
-Correo: acebobello@gmail.com
-Instagram: @hectoracebo
-Twitter: @HectorAcebo

sábado, 9 de julio de 2016

Mestre Peralta

Os meus mestres literarios non me ensinaron a escribir, senón a ler os poemas da miña autoría, o que implica, naturalmente, un alto exercicio de autocrítica. A escribir apréndese en soidade. Só dese xeito se pode reflexionar en condicións e probar posibles solucións formais. Só dese xeito se pode ser fiel ós propios soños, algo que me parece fundamental na creación.
Arturo Peralta e un servidor, nunha das presentacións do meu poemario Camas de hierba. Casa de Cultura da Veiga, 29 de xullo de 2011.


O meu primeiro mestre foi Arturo Peralta, que me deu clases de Latín e Cultura Clásica no instituto da Veiga. En segundo de bacharelato, carente de guías, comecei a levarlle ó filólogo valdesano os meus poemiñas. Pasados uns días, xeneroso, devolvíamos corrixidos. Propoñíame alterar a orde dalgunhas verbas ou potenciar as elipses. Por suposto, tamén me aportaba referentes estéticos. Peralta sería un gran crítico; culto, hipersensible e intuitivo, detecta os elementos accesorios que entorpecen o ritmo, columna vertebral do poema. 
Xunto a Arturo Peralta, no primeiro recital que ofrecín, na Casa de Cultura de Santiso de Abres. Agosto de 2006.


Hai dous anos envieille a Peralta unha poesía miña publicada daquela. Díxome que un dos versos lle suxirira esta sorprendente imaxe: “voces de cintura”. Gustoume tanto o sintagma, que o acabei incluíndo —en singular— nun poema amoroso dedicado a unha rapaza música. Unha “voz de cintura” apunta, no eido do canto, a un rexistro dúctil; lembremos que a expresión “ter cintura” —máis empregada en castelán— aplícase a aqueles que saben saír con habilidade de situacións complexas. Pero o achado verbal de Peralta presenta ademais connotacións eróticas. É, en definitiva, unha fonte de sensorialidade.
O meu mestre (e amigo) conxuga a xenial intuición cunha reflexión fonda. Consúltaslle algo arrevesado que se che ocorre no momento, e el quédase absorto durante non poucos segundos. Logo sorrí e diche que lle seguirá dando voltas, na casa, á cuestión. Días despois, mándache un correo cheo de sutilezas intelectuais e sensitivas. Neste panorama mediocre, onde moita xente de letras fala por falar, facendo apoloxía da ignorancia, Arturo Peralta debería ser un exemplo a seguir. Penso que Catulo e Pound (tan admirados por nós) concordarían comigo.
[Artigo publicado onte en El Progreso de Lugo]

No hay comentarios: