Bitácora de Héctor Acebo, poeta, periodista cultural y doctor en Periodismo

Bitácora de Héctor Acebo, poeta, periodista cultural y doctor en Periodismo.
-Correo: acebobello@gmail.com
-Instagram: @hectoracebo
-Twitter: @HectorAcebo

domingo, 8 de octubre de 2017

Entre a beleza e o fascismo

Ezra Pound.
SINTO QUE se denomine CasaPound un partido neofascista con opcións de entrar no Parlamento italiano. Pareceríame terrible que o estadounidense Ezra Pound (1885-1972) puidese ser máis influínte hoxe como propagandista dunha ideoloxía perniciosa que como creador dunha poesía excelsa. Durante as primeiras décadas do século pasado, vivindo xa en Europa —cuxa cultura amaba—, Pound alicerzou a estética da lírica moderna; dende a óptica conceptual e fragmentaria do imaxismo, despoxou o poema de todo elemento superfluo, e esa renovación conseguiuna tras estudar algunhas das tradicións máis fondas, como a grecolatina, a chinesa ou a provenzal. Dono dun temperamento demasiado visceral e, así mesmo, produto da confusión da súa época, Pound creu ver no fascismo un sólido modelo alternativo ó capitalismo, cuxa usura detestaba. Deixou Francia por Italia, declarouse seguidor do tirano Mussolini (comparábao con Confucio) e, xa no curso da II Guerra Mundial, dirixiu acendidas arengas radiofónicas contra o seu propio país e mais os xudeus. Nos estertores da contenda, os seus compatriotas pechárono nunha das gaiolas dun centro de prisioneiros de Pisa, onde estivo seis meses exposto ás inclemencias do tempo; e despois, tras ser xulgado por alta traizón, internárono doce anos nun manicomio de Washington. Salvárono de morrer fusilado diversas figuras culturais ó testificar —mentindo— que era un demente. É natural criticar ó home fascista e, simultaneamente, caer rendido ante a beleza do poeta… Como non lembrar, por exemplo, aquela soberana sentenza —tan vixente— dun dos seus Cantos: «Usura é un parasito». A min fascíname o sensitivo micropoema ‘Papiro’, que representa un fragmento (ficticio) de Safo: «Primavera… / Tanto tempo… / Gongula…». Velaí a concentración expresiva e a refinada cultura de Pound, quen —igual que faría con Atis— rescata a Gongula, unha das amadas da gran poetisa grega. Intertextual e visionaria, a lírica poundiana é o sementeiro de Eliot, outro vate esencial. Cómpre reivindicar tamén a clarividencia do Pound crítico; os seus consellos foron cruciais para que a dicción do lendario Yeats gañase en sobriedade.

[Publicado en El Progreso de Lugo, Diario de Pontevedra e Galiciaé, 5/10/2017]

viernes, 6 de octubre de 2017

O galego do Eo-Navia

HAI UNHAS semanas, nun coloquio ribadense organizado pola agrupación Francisco Lanza, o poeta boalés Quique de Roxíos e eu queixámonos do desprotexido que se atopa en Asturias o galego, lingua natural do Eo-Navia, a nosa comarca. Existe a Lei 1/1998 de 23 de marzo, a través da cal un concello pode permitirlle á veciñanza empregar o correspondente idioma propio (o galego —oficialmente, «gallego-asturiano»— ou o asturiano) en igualdade de condicións co castelán; pero, para gozarmos dun dereito tan esencial, os falantes dependemos, xaora, do compromiso lingüístico das nosas autoridades, o cal no Eo-Navia é baixísimo: ata agora só A Veiga regulou a utilización do galego. Dende que o Principado lle outorgou á Academia de la Llingua Asturiana as competencias sobre o idioma eonaviego, asistimos á seguinte situación ridícula, única no mundo: unha academia tutela dúas linguas, a súa e outra veciña; isto tradúcese na transculturización, pois a ALLA sostén que as falas da nosa bisbarra son unha mestura de trazos do galego e do asturiano, negando así algo recoñecido por toda a romanística e a hispanística: estamos ante unha serie de variantes do galego oriental. No ensino do Eo-Navia, queda patente a condición subalterna do noso idioma, que só ten presenza —deturpado— nalgúns centros, mentres que noutros ocupa o seu lugar o asturiano normativo, tamén como materia optativa. É vergoñoso que os cativos de Santiso (o meu pobo) non teñan a obriga de estudar a lingua vernácula —moi ligada á identidade—, ó contrario do que sucede nas escolas dos concellos lucenses limítrofes, Trabada e A Pontenova. Nunha Asturias orgullosa do patrimonio de seu, o asturiano e o galego serían cooficiais nos territorios onde se falan; e quen mellor que a RAG, seguindo os modelos do catalán nas Baleares e do éuscaro en Navarra, para tutelar a lingua autóctona do Eo-Navia? Isto semella hoxe unha utopía, pois as institucións do Principado aínda están na pueril fase de confundir as fronteiras administrativas coas lingüísticas. O galego ten que lucir un traxe que resalte as súas sinuosas formas, a súa tersura, pero algúns (cheos de prexuízos) vísteno de espantallo.


[Publicado en El Progreso de Lugo, Diario de Pontevedra e Galiciaé, 4/9/2017]