Bitácora de Héctor Acebo, poeta, periodista cultural y doctor en Periodismo

Bitácora de Héctor Acebo, poeta, periodista cultural y doctor en Periodismo.
-Correo: acebobello@gmail.com
-Instagram: @hectoracebo
-Twitter: @HectorAcebo

lunes, 23 de noviembre de 2015

Presentarase en Santiago unha antoloxía bilingüe da poesía de Claudio Rodríguez Fer

A portada da nova antoloxía do poeta
Claudio Rodríguez Fer.
Santiago de Compostela acollerá este xoves a presentación de Amores sen morte / Deathless Loves, antoloxía bilingüe galego-inglés da poesía do lucense Claudio Rodríguez Fer. O acto terá lugar, a partir das 8 da tarde, na Librería Follas Novas (Montero Ríos, 37). 

Amores sen morte / Deathless Loves é unha edición preparada e introducida pola profesora neoiorquina Diana Conchado, que reúne versións ao inglés feitas por diversos poetas, profesores e tradutores británicos e estadounidenses. A obra, que contén un poema visual do propio Rodríguez Fer na cuberta, foi recentemente publicada por Edicións Follas Novas. Esta editorial incluíu a antoloxía na súa pulcra e primorosa colección "Os Libros do Loureiro".

Ademais do propio autor, que recitará algúns dos poemas seleccionados, intervirán no acto santiagués o catedrático e crítico Luís Alonso Girgado, coordinador da colección; o crítico, profesor e tradutor ao galego Armando Requeixo, quen presentará a obra; e os profesores de Literatura Inglesa Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela Laura Lojo (especialista en Virginia Woolf e estudos de xénero) e Jorge Sacido Romero (especialista en narrativa anglófona, tradución e interculturalidade), que lerán os textos en inglés.

Amores sen morte / Deathless Loves recolle todas as épocas da traxectoria de Rodríguez Fer (dende o primeiro poemario xuvenil Poemas de amor sen morte a composicións inéditas en libro) e os principais lugares da vida do autor (Galicia, Nova York e os países celtas) a través de cinco seccións respectivamente tituladas "Amantes / Lovers", "Micropoemas / Micropoems", "Lugo blues", "New York Jazz" e "Camiños celtas / Celtic roads". O libro foi presentado por primeira vez o pasado 28 de outubro en Estados Unidos, concretamente no Hunter College da City University of New York. No acto participaron o autor, a editora e o tradutor Clifford Irizarry.

Claudio Rodríguez Fer, ante o Queensborough Bridge, en Nova York.



Rodríguez Fer, profesor visitante na City University of New York dende 1992 e conferenciante en Nova York en reiteradas ocasións, presentou así mesmo en dita cidade nos últimos anos os poemarios bilingües galego-inglés Tigres de ternura / Tender Tigers, no Graduate Center da CUNY, e Revolución rosaliana en Nova York / Rosalia’s Revolution in New York, na Spanish Benevolent Society, ambas obras traducidas pola galicianista norteamericana Kathleen N. March. De feito, varias das súas creacións ambientáronse en Nova York, como o poemario A unha muller descoñecida, do que aparece unha mostra en Amores sen morte / Deathless Loves, ou os contos “A muller loba” e “A fera fráxil”. 

No hay comentarios: